Friday 10 de May de 2024

A Xunta inviste máis de 119.000€ na mellora da rede de saneamento do parque empresarial de Santa Comba


Estas axudas da Xunta apostan por fortalecer o tecido empresarial, mellorar as infraestruturas da Comunidade e fomentar o emprendemento industrial

O delegado da Xunta de Galicia na Coruña, Ovidio Rodeiro, informou que a Consellería de Economía, Emprego e Industria inviste máis de 119.000 euros para levar a cabo a mellora da rede de saneamento do polígono industrial de Santa Comba. Este parque, construído no ano 2003, ten unha superficie de 113.454 metros cadrados e conta con 24 empresas.

Ovidio Rodeiro recalcou que “esta actuación que financia a Consellería de Economía, Emprego e Industria, en colaboración co Concello de Santa Comba, ten como obxecto levar a cabo a reforma e mellora de capacidade da rede de saneamento que permitirá separar a rede de pluviais e de fecais para evitar o colapso do colector existente e reducir o bombeo á Edar de Santa Comba, xa que esta obra permitirá enviar só as augas fecais co conseguinte aforro económico para o polígono e para o funcionamento habitual da estación depuradora do municipio”.

“Esta actuación permitirá reducir o envío do caudal de augas pluviais para poder asumir un maior caudal de fecais en previsión de novas implantacións de actividades neste polígono”, puntualizou o delegado territorial.

Ovidio Rodeiro sinalou que con esta orde de axudas “a Xunta de Galicia aposta polo desenvolvemento industrial de Galicia, por iso a Consellería de Economía, Emprego e Industria está a facer un importante esforzo orzamentario para incrementar a dotación do programa de apoio aos parques empresariais”.

O representante do goberno autonómico destacou que “con esta iniciativa a Xunta segue mantendo o seu compromiso cos gobernos locais e o co desenvolvemento das súas infraestruturas e co fortalecemento do tecido empresarial e industrial da Comunidade. Ademais, “este tipo de apoios ao emprendemento son actuacións que encaixan coas medidas promovidas pola Lei de implantación empresarial para favorecer a captación de novos investimentos para Galicia”, puntualizou Ovidio Rodeiro.

A maioría dos proxectos van orientados a mellorar as infraestruturas viarias dos polígonos e para a instalación de sistemas de seguridade e vixilancia, aínda que tamén para plantas de depuración de auga, xestión de residuos ou instalacións contraincendios. En total, na provincia da Coruña invístense 1,5 millóns para financiar 21 proxectos en 19 concellos.

Comarca Santiago
Na comarca de Santiago a Xunta investirá 527.000 euros en obras en polígonos industriais de Santa Comba, Dodro, Boqueixón, Ordes, Oroso e Ames. Estes investimentos son posibles grazas a unha achega da Consellería de Economía, Emprego e Industria e suporán unha achega total na comarca de 673.000 euros dos que a Xunta aporta máis do 78%.

A Xunta favorecerá a mobilización de 5,34 millóns de euros en proxectos para mellorar os parques empresariais de 51 municipios de Galicia, dos que 32 eran Concellos Emprendedores no momento de realizar a solicitude, o que lles deu prioridade na concesión das axudas.